segunda-feira, 30 de julho de 2012

Sufren as plantas?

Ás veces xurde a estrana situación de ter que xustificar un estilo  de vida que implica o respecto cara outras formas de vida....e hai de todo...omnívoros que o entenden, e que se ben comen a outros animais, tentan facer que a morte do individuo sexa o menos dorosa posible, e no outro extremo, aqueles que se comportan como deuses, decidindo que os humanos somos o centro do planeta e todo está á nosa disposición.
Estes son os que tentan deixarte en evidencia, cando se lles acaban os argumentos, decíndoche o de "pois vin un documental no que decían que as plantas sinte..." 

Claro, tes que tirar dos teus coñecementos neuroanatómicos e explicarlle o da mecánica táctil, e do SNC e os nociceptores...etc...

Aqui hai vos deixo algunha fundamentación, argumentos, e debates ao respecto.




http://www.cuestionderespeto.com/sufren-las-plantas-1/

http://www.faunatura.com/las-plantas-tambien-sufren.html

http://www.respuestasveganas.org/2006/01/argumento-plantas-tambien-sienten_9324.html

http://www.vegetarianismo.net/servegeta/plantas.html






quinta-feira, 19 de julho de 2012

Universidade de Mondragón


Interesante oferta a da Universidade de Mondragón. Onte escoitei en RNE5 un monográfico curto sobre o que están a facer. Se tivera 18 anos e queixera estudar na universidade...plantexaríame ir aló

http://www.mondragon.edu/es/estudios/grados/grado-en-liderazgo-emprendedor-e-innovacion/

quarta-feira, 18 de julho de 2012

Concentración na Carballeira de Meilide (Cerdedo) contra a curta masiva de carballos e outras especies autóctonas no territorio do Concello, 21 de xullo ás 20 h


A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA CONVOCA UN ACTO EN DESAGRAVIO COS CARBALLOS NA CARBALLEIRA DE MEILIDE (CONCELLO DE CERDEDO)
http://verboxido.wordpress.com/
As políticas forestais das nosas administracións están a levar á desaparición aos nosos sistemas forestais naturais; os bosques e as matogueiras ocupan cada vez menor extensión, mentres os monocultivos de especies pirófitas, os incendios e a destrución de solo que levan asociada, proliferan. O noso monte empobrécese en biodiversidade, en usos e recursos e empobrece ás comunidades rurais que del dependen.
Por outro lado futuro non é en absoluto prometedor. Unha recente Lei de Montes ao servizo das grandes empresas forestais, non presta a necesaria atención á conservación dos ecosistemas naturais que forman parte do monte e que significan unha grande reserva de biodiversidade e recursos. Unha Lei que non incide na necesidade da diversificación e sustentabilidade na obtención de produtos forestais. Unha Lei que favorece a extensión de monocultivos industrializados de especies exóticas, que incrementan a degradación dos solos e o empobrecemento dos montes.
O combate contra o lume forestal ven sendo un dos aspectos máis evidentes da mala planificación forestal. Limitado polos recortes, a falla de interese pola conservación e o servilismo aos intereses de empresas con prácticas forestais degradantes, o Plano de Incendios (PLADIGA) deste verán, reduce a vixilancia e o esforzo en extinción, abandona a prevención e deixa na man da meteoroloxía a superficie queimada. Dende fai anos se ven pedindo unha prevención a medio e longo prazo, que diminúa a cantidade e calidade do combustible do monte, que fomente os recursos sostibles, que protexa a biodiversidade e que mellore a percepción e o uso social do monte, sen que se atenda a esta demanda social.
Porén, as decisións da Xunta van en sentido contrario e amosan unha grande falla de interese por un futuro sostible dos nosos recursos forestais. O recente intento de autorizar fumigacións masivas, deseñadas por ENCE cun insecticida prohibido na UE e que poñen en perigo non so os recursos apícolas senón a agricultura e a biodiversidade vexetal ao atentar contra as abellas, importantes polinizadoras, amosa cara onde se orientan as políticas forestais en Galicia.
Unha das agresións máis tristes e esperpénticas aos bosques a constitúe a curta de carballos ordenada polo Alcalde do Concello de Cerdedo. Amparándose nunha suposta xestión de biomasa para a prevención de lumes e facendo unha lectura segada da Lei 3/2007, estase a promover a curta de árbores autóctonas, especies non pirófitas e polo tanto protectoras dos incendios, moitas delas de grande antiguidade, diante do silenzo da Consellería do Medio Rural.
Facemos, pois, un chamamento á cidadanía para a defensa dos nosos bosques naturais, imprescindibles para o futuro da nosa sociedade, e animamos a todos e todas a participar no acto de desagravio cos carballos que celebraremos nunha das zonas agredidas, na Carballeira de Meilide, o sábado 21 de xulio ás oito da tarde.

Mullerenaxe a Coralia e Maria Fandiño, 18 de xullo de 2012


  Coralia e María Fandiño Ricart

Maruxa: Compostela, 1898 — Compostela, 1980
Coralia: Compostela, 1914 — Compostela, 1983

Maruxa, Coralia, Sarita, Manuel, Alfonso, Antonio, etc. Eran trece os fillos e fillas que tiveron en Compostela Arturo Fandiño e Consuelo Ricart, parella de artesáns, oficio tan frecuente naquel Santiago de principios do século XX. El, zapateiro, con obradoiro na Algalia de Arriba, n.º 32. Ela, costureira e bordadora, con obradoiro na súa propia casa, na rúa do Espírito Santo, profesión que van aprender e compartir, tamén, as súas fillas. Xente traballadora, esforzada, humilde e, porén, digna e leda de conseguir comer coa suor da súa fronte, como se aseveraba a respecto da clase traballadora. Velaí a orixe, a identidade e os nomes das mulleres máis retratadas de Compostela: Maruxa e Coralia —que desde a súa mocidade quixo chamarse Rocío—, “as dúas en punto”, “as dúas Marías”, foco de luz, cor e ledicia na Compostela gris e triste do franquismo.
Maruxa, Coralia e Sarita, pois en principio eran tres —a terceira morreu moi nova—, viviron a súa primeira mocidade naquela Compostela que tanta esperanza tivo no triunfo da República en abril de 1931, un Santiago que medraba xa desde os anos 20 cara ao suburbio coa anexión do concello de Conxo (1925), co proxecto da nova Residencia Universitaria nos terreos explanados para a Exposición Rexional de 1909 —e para a que tanto traballou o reitor Rodríguez Cadarso— e co proxecto da nova estación do tren na Ponte Seca. Esa nova cidade rachaba co pasado eclesiástico e caciquil para ver a luz do traballo das clases artesás e operarias, latexaba co asociacionismo estudantil da FUE, coas forzas políticas republicanas e coa esperanza galeguista dun Estatuto, como así foi, coa convocatoria feita desde a capital de Galiza para a reunión da asemblea de municipios (1932) encargados de elaborar o borrador do Estatuto plebiscitado en xuño de 1936. Esa cidade que tan ben retratou, no vello e no novo, o debuxante Francisco Vázquez “Compostela” nas súas estampas.
Por iso non é estraño que as Marías aprendesen liberdade, dereitos e sindicalismo na súa propia casa, escoitando os seus irmáns Manuel, Antonio e Alfonso, destacados dirixentes e líderes da CNT, organización que no ano 1925 trasladara a Santiago a súa sede rexional e da que Manuel Fandiño, de oficio pintor, era o secretario xeral. E tamén que a súa mocidade se alimentase do clima de animación e esperanza que se vivía en Santiago: cando as irmás Fandiño saían á rúa a pasear vestidas coa roupa feita na casa, con teas de cores, alegres e vivas coma elas, os estudantes galeguistas e republicanos chamábanlles “liberdade, igualdade e fraternidade” e os estudantes de dereitas, da CEDA, “fe, esperanza e caridade”. No entanto, este soño revolucionario afogouse en sangue o 18 de xullo do ano 1936. A sublevación militar franquista e a represión feroz —que na Galiza foi odio, opresión, asasinato e medo— chegou á familia Fandiño Ricart. Os irmáns lograron fuxir; ao principio tiveron mellor sorte que Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Recachanta, Narciso Fraga, os irmáns Pasín e un longo etcétera que cómpre aínda recuperar e que quedaron tirados, asasinados nas gabias. Mais elas, as mulleres da casa, a nai e as irmás, si que tiveron que vivir as ameazas, o aceite de rícino, o pelo rapado, os falanxistas que viñan controlar a calquera hora do día e da noite a casa, a intimidade e a dignidade da familia e das mulleres.
Chamáronlles “roxas”, tratáronas de “putas”. O traballo desapareceu como medio de sustento e de dignidade; a fame estivo presente diariamente nas súas vidas a partir de entón. Continuaron vivindo na rúa do Medio, naquela Compostela dos anos 40, 50, 60 e 70, onde só había escuridade, medo e silencio, moito silencio. O triángulo mortal e inquisidor que formaron Falanxe, Igrexa e Exército no franquismo triunfante tras a guerra esnaquizou a súa fraxilidade e a súa cabeza escachou coma o cristal.
E as dúas irmás Fandiño, as mulleres máis coñecidas e retratadas de Compostela, “as Marías”, Maruxa (1898-1980) e Coralia (1914-1983), que sempre se quixo chamar Rocío, conseguiron crear un mecanismo de defensa para sobreviviren: tolearon, e na súa loucura recuperaron o soño da mocidade, escuálidas como se saísen dun campo de concentración, sen dentes, vestíronse de luz e cor e, cheas de afeites —coma se dunha representación de máscaras se tratase: po de arroz, colorete, carmín— nese Santiago da mediocridade, da miseria e do terror, todos os días, á mesma hora, marcada polas badaladas da Catedral, no verán desde a rúa do Espírito Santo até o Paseo no Toural, no inverno nos soportais da rúa do Vilar, desafiaban o gris do clima e da mente das xentes co seu facho de luz permanentemente aceso. E mesmo os estudantes ou visitantes que querían, coa súa galantería hipócrita, achegarse ás máscaras de cor, elas, coa dignidade recuperada e a forza da tolemia rexeitaban aquel “cortexo” respondendo: Tú ya tienes.
Quizais así viviron felices, na súa loucura desesperanzada e cruel, chea de fame e de miseria pero digna. 

Grazas, Marías. 

Grazas, mulleres ledas e riseiras, pola inmensa luz que lle destes gratuíta e xenerosamente a aquela Compostela tan escura.

Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda




"O 18 de xullo, conmemoración amarga onde as haxa, queremos continuar a recuperar a súa memoria. Dúas cidadás de Compostela sobre as que caeu o aparato represivo franquista. Material e simbolicamente foron excluidas, afastadas e marxinadas pola maioría da cidade."  (
https://www.facebook.com/events/359079364161275/)




 Luz Fandiño 
 Uxía e Sonia Lebedinski
 Coralia e Maria, inmortais
Ofrenda floral d@s asistentes