quarta-feira, 8 de agosto de 2012

Memoria Histórica Cerdedo - Verbo Xido


VERBO XIDO  Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes

Camiño do Pouso 2

36560 Soutelo de Montes

                      
     
            O vindeiro luns 13 de agosto, como facemos cada ano desde o 2006, acudiremos ás 20 horas á Ponte do Barco en Pedre (Cerdedo) para lembrar e render unha sinceira e sentida homenaxe ás vítimas da represión franquista na Terra de Montes.
         Francisco Arca e Secundino Bugallo, asasinados na mañanciña do 13 de agosto de 1936, son para nós a representación das 41 mortes, das 254 persoas represaliadas e dos 35 mozos que perderon a vida no frente republicano, todos eles e elas pertencentes á Terra de Montes.
        Ademais de deixar unhas flores no pequeno monumento de pedra que lembra estes terribles feitos, o historiador e membro de Verbo Xido, Dionisio Pereira, falará sobre “Antonio Rodríguez Fraíz e a memoria dos vencidos na Terra de Montes”. Cúmplese este ano o centenario do nacemento do que foi Cronista da Terra de Montes, cofundador do Museo do Pobo Galego, e que, entre outros méritos, ten o de ter sido a primeira persoa en deixar testemuño escrito, aínda antes de morrer o dictador, da represión nesta bisbarra a través das páxinas da Gran Enciclopedia Gallega. Esta será, pois, unha das contribucións que o noso colectivo fará ao devandito centenario.

      Agardamos a vosa presenza neste acto en lembranza das vítimas da barbarie.


                                Lola Varela

                           Presidenta da Asociación Verbo Xido

1 comentário:

  1. A memoria non pode ser sequecida nunca e o cerne do pobo conquerido ó trabeso do seu sufrimento secular

    ResponderEliminar