sábado, 2 de junho de 2012

75 ANIVERSARIO DO FUSILAMENTO DA ÚLTIMA CORPORACIÓN DE GOBERNO REPUBLICANA ESTRADENSE


Lectura da carta dos condenados a morte da Estrada dirixida aos estradenses o día 5 de xuño ás 21:00 h. na praza do Concello.

O 5 de xuño de 1937 confluía a sorte de seis estradenses diante dun pelotón de fusilamento na estrada que vai de Pontevedra a Monteporreiro, a beira do Lérez, na Xunqueira. Levaban tempo despedíndose dos seus amigos e parentes, mais esta última noite que pasaron en vela foi especialmente produtiva. Algún mesmo aproveitaba as notas de pago da súa última cena para escribir as que serían as últimas palabras. O alcalde Jesús Ignacio Puente Fontanes, os Tenentes de Alcalde, Ramón Fernández Rico e José Rodríguez Sangiao; e os veciños José María Pena López, Manuel Nogueira González e Cándido Tafalla Froiz. Ningún deles cometera delito algún, senón, pola contra, eran condenados por defender a legalidade vixente.

Lembramos que o último desexo que legaron aos seus veciños e veciñas polos que morreron foi o de ser recordados. Mesmo propuxeron que se lle dedicara unha rúa que rezara “Rúa dos mártires da Estrada”. Manda que aínda non se cumpriu senón que pola contra aínda preside a rúa principal da Estrada unha das iconas do réxime franquista, Calvo Sotelo, usado como escusa da súa barbarie.


Sem comentários:

Enviar um comentário