sexta-feira, 1 de junho de 2012

Presentación de libros da memoria na honra dos mártires da Estrada


Presentación de libros da memoria na honra dos mártires da Estrada


Con motivo do 75 aniversario do fusilamento dos máximos representantes do pobo estradense elixidos democraticamente o 5 de xuño de 1937, a Asociación Cultural “Vagalumes”, vai levar a cabo unha actividade na súa honra de difusión da nosa memoria histórica coa presentación de dous libros que constitúen achegas moi importantes para iluminar o noso recente pasado e no que colaboran autores estradenses (David Otero e Xoán Carlos Garrido): “A guerrilla antifranquista galega. Actas do Congreso” e“Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano”. Ademais dos devanditos escritores estarán presente os seus editores. No primeiro caso da Asociación Cultural “Alexandre Bóveda” da Coruña, coa presenza do seu presidente e editor do libro, e a participación da filla e do neto de Alexandre Bóveda Amalia e Valentín. E no referente ao congreso da Guerrilla, contaremos coa intervención do presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña Fernando Souto. Como remate a este acto actuará o grupo musical “A Quenlla”.
O 5 de xuño de 1937 confluía a sorte de seis estradenses diante dun pelotón de fusilamento na estrada que vai de Pontevedra a Monteporreiro, a beira do Lérez, na Xunqueira. Levaban tempo despedíndose dos seus amigos e parentes, mais esta última noite que pasaron en vela foi especialmente produtiva. Algún mesmo aproveitaba as notas de pago da súa última cena para escribir as que serían as últimas palabras. O alcalde Jesús Ignacio Puente Fontanes, os Tenentes de Alcalde, Ramón Fernández Rico e José Rodríguez Sangiao; e os veciños José María Pena LópezManuel Nogueira González Cándido Tafalla Froiz. Ningún deles cometera delito algún, senón, pola contra, eran condenados por defender a legalidade vixente.
Lembramos que o último desexo que legaron aos seus veciños e veciñas polos que morreron foi o de ser recordados. Mesmo propuxeron que se lle dedicara unha rúa que rezara “Rúa dos mártires da Estrada”. Manda que aínda non se cumpriu senón que pola contra aínda preside a rúa principal da Estrada unha das iconas do réxime franquista, Calvo Sotelo, usado como escusa da súa barbarie.
O acto terá lugar o vindeiro sábado 9 de xuño ás 19:00 h. Na Galería Dispara (Rúa Virxinia Pereira, nº 4. A Estrada).

Sem comentários:

Enviar um comentário